Thursday 09 de May de 2024

Neda deseña de cara ao verán un programa gratuíto de deporte e actividades acuáticas para a mocidade


O Concello abre o prazo para inscribirse nesta iniciativa de lecer, que terá lugar os martes e venres de xullo e agosto

Evitar que os rapaces/as caian no sedentarismo durante as vacacións escolares por excelencia. Este é un dos obxectivos do Concello de Neda, que organizará durante os meses de xullo e agosto o programa gratuíto “Nedactívate verán”, con actividades deportivas e recreativas para a mocidade do municipio.

A iniciativa, destinada a nenos/as de Neda, de entre 11 e 16 anos, terá lugar todos os martes e venres, entre as 11 e as 13 horas, e mesturará en cada xornada a  práctica de deportes e as actividades acuáticas. A piscina municipal converterase no centro neurálxico do programa, que botará man ademais da pista polideportiva de Subarreiros. No caso de chuvia, a proposta se reformula e trasládase ao centro cívico Ramón Millarengo.

Así, os mozos e as mozas nedenses que decidan sumarse poderán desfrutar de xogos na piscina, circuítos de habilidades deportivas, deportes colectivos (fútbol, baloncesto, balonmán, voleibol) e alternativos (disco voador, indiaca ou lacrosse), xogos e actividades de expresión corporal (dende mimo a exercicios de equilibrio).

Deste xeito, “Nedactívate verán” brinda á rapazada da vila a oportunidade de compartir un bo rato de lecer activo entre amigos e con xente da súa mesma idade.

O Concello abre o prazo para inscribirse, chamando ao teléfono 675835635. As prazas son limitadas e as actividades arrancarán o 4 de xullo e finalizarán o 29 de agosto.